domingo, 5 de agosto de 2012

Exposición: Cen anos de fútbol en Lérez.

Foto: Blanca Sánchez Dios.
Dende o pasado sábado a asociación sociocultural CEDOFEITA de Lérez, organiza a súa tradicional exposición anual do verán. Nesta ocasión ten por título: “Cen anos de fútbol en Lérez” e constitúe un percorrido pola historia do fútbol lerezán e, por extensión, do pontevedrés, ao longo dun século a través das imaxes e dos textos xornalísticos. Esta mostra estará aberta os días 4, 5, 6 e 7 de agosto en horario de mañá de 11 a 14 horas e de tarde de 19 a 22. A exposición terá lugar no mosteiro de Lérez, cedido desinteresadamente polo cura párroco D. Crisanto Rial.
Os terreos comunais da xunqueira do Covo serviron como campo para os primeiros pasos do fútbol (daquela escrito “foot-ball”) como podemos testemuñar xa no ano 1906 mediante o xornal La Libertad, que nos informa da chegada á capital de mozos de Vilagarcía “ entre los cuales se distinguía un inglés que, según dijeron, es el director del juego de foot-ball” para xogar contra os pontevedreses no citado campo da xunqueira.

Foto: Blanca Sánchez Dios.
Nestes primeiros anos do século vinte, constitúese o “Lérez Foot-ball Club” que, no ano 1913, participa na “Copa Santos” competindo con “teanes” (así lle chamaban aos equipos de fútbol) como Vigo F.C., Real Club Fortuna, Sociedad Recreo Juventud Mourente e Pontevedra Sporting Club.
De antes do 1915 consérvase unha fotografía do Lérez F.C. na que, entre outros, aparece como xogador o doutor Caamaño. Aínda non existía daquela o campo de Pasarón do que comezan os traballos no 1918, en terreos da familia Paz, para ser utilizado polo Pontevedra Athletic Club, fundado por aquelas datas como resultado da unión do Deportivo e do Sporting. Entre os impulsores figuran lerezáns como Valentín Paz Andrade que será secretario da xunta directiva e que, no ano seguinte, figura como presidente do Lérez F.C., datos estes, por certo, dos que non dan conta os seus biógrafos.
Nos anos 20 podemos contemplar imaxes dos equipos lerezáns con xogadores destacados como Angelito, Lorenzo, Pacheco, Otero, Pasarín, entre outros. O histórico Lérez F.C. ao longo deste século sufriría diversos avatares: nos anos trinta dou lugar ao Eiriña, altibaixos nas competicións e, anos máis tarde, adoptaría o nome actual de C.D. Lérez.
Na exposición tamén se recollen imaxes e novas doutros equipos da zona: Atrevido do Burgo, Burgo FC, Pasarón, Deportivo Casal, A Pallota, Arsenal, Piratas, etc e tampouco están ausentes os chamados “combinados” creados para determinadas ocasións e que podemos contemplar nas típicas fotografías coas madriñas na entrega de copas. Máis de 150 fotografías comparten lugar cunha mostra de trofeos correspondentes ao C.D. Lérez xunto con outros obxectos nunha exposición na que o visual, as imaxes, predominan sobre calquera outro contido e que servirán a algúns para lembrar anos mozos e a outros para recoñecer e recoñecerse nos seus anos deportivos. A colaboración dos veciños e veciñas de Lérez, ex-xogadores, directivos, clubs... foi, como sempre, moi alta facilitando fotografías, obxectos e datos polo que a asociación CEDOFEITA lles mostra o seu agradecemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario